BIOGRAFÍA
Manuel María naceu en Outeiro de Rei, na Terra Chá de Lugo, en outubro de 1929. Comeza a escola na súa vila durante a guerra civil. Logo prepara en Rábade o ingreso no Instituto cun mestre que dedica as tardes dos sábados a ler e comentar textos poéticos galegos -algo verdadeiramente sorprendente nesa época-, o que lle permite descubrir a existencia da literatura galega nesa etapa inicial da súa vida. Inicia o Bacharelato no ano 1942 no Instituto de Lugo. A morte do seu pai en 1943 vai vivir co seu tío Xosé, párroco de San Froilán e profesor de Filosofía, e vive internado nos maristas ata que en 1947 volve ao Instituto para rematar o bacharelato.
En 1949, con só dezanove anos, pronuncia no Círculo das Artes de Lugo a súa primeira conferencia; intégrase na tertulia luguesa do café Méndez Núñez, invitado polo poeta Luis Pimentel, na que participan tamén escritores como Ánxel Xohán, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro ou Carballo Calero; convértese en editor da revista Xistral e escribe o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, que sairá ao ano seguinte na colección Benito Soto, de Pontevedra. O seu primeiro libro de poemas, que acada un grande eco nos xornais, é o texto que marca a aparición dunha nova corrente poética na lírica galega: a Escola da Tebra.
Tamén en 1949 matricúlase por libre en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, estudos que abandona ao ano seguinte. Nacen os primeiros versos de Morrendo a cada intre. A morte en accidente do seu irmán máis novo prodúcelle unha profunda crise íntima e relixiosa que o leva a escribir Libro de pregos.
En Lugo, xa liberado do servizo militar, inicia os estudos e prácticas de Procurador dos tribunais, publica o seu segundo poemario e gaña o Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Bos Aires. No verán de 1953 escribe a primeira redacción de Terra Chá, que é un verdadeiro reencontro coa vida chairega e coas súas raigames labregas. Son anos de intensa creación poética, que se traduce en diversos libros, moitos dos cais permanecerán inéditos longo tempo.
En 1956 Manuel María coñece a Saleta Goi e ábrese aí unha nova etapa persoal na vida do escritor. Casan en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instálanse os dous en Monforte de Lemos, onde o poeta exercerá a actividade profesional de Procurador até a súa xubilación.
Entre 1959 e 1963 manteñen unha grande relación co grupo de intelectuais de Ourense (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, etc.) e asisten ás primeiras reunións para reorganizar o nacionalismo galego, un proceso político no que é clave a figura de Méndez Ferrín. É a época do Consello da Mocedade e da ruptura co piñeirismo. Intensifica, así mesmo, a súa creación, non só como poeta, senón tamén como narrador e dramaturgo. Desta época cómpre destacar libros como Documentos persoaes (1958) e Mar Maior (1963).
A resistencia cultural que caracterizou as etapas anteriores increméntase na segunda metade dos sesenta, ao tempo que aparecen os primeiros partidos nacionalistas galegos, a Unión do Povo Galego e o Partido Socialista Galego, que veñen encher o baleiro creado pola liquidación do Partido Galeguista. Asistimos igualmente ás primeiras folgas obreiras, á loita labrega contra FENOSA e ás revoltas na Universidade. O compromiso de Manuel María ao longo de todos eses anos levao a percorrer o país e a participar en importantes acontecementos para a cultura galega e para o país: a presentación de Raimon e da Nova Canción Galega, a creación da colección de poesía Val de Lemos, a edición de discos en colaboración coa discográfica EDIGSA, a inauguración da Libraría Xistral, etc.
No campo creativo a súa voz é cada vez máis comprometida e combativa: Versos para un país de minifundios, Versos para cantar en feiras e romaxes, Remol, Canciós do lusco ao fusco… En 1975 presenta a súa renuncia como membro correspondente da Real Academia Galega dada a total ineficacia desta institución en defensa da lingua galega e dona a propiedade de Edicións Xistral ao recén creado Frente Cultural da AN-PG, organización esta da que Manuel María será un activo militante.
Sen renunciar en ningún momento ao seu compromiso activo no nacionalismo, o poeta inicia o regreso ao amor e aos eidos nativos como temas da creación literaria. Poemas ao Outono, escrito xa no umbral desa época, sinala como ningún outro libro un novo rumbo na voz poética de Manuel María. A súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético. O poeta participa activamente nas actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a recén creada Asociación de Escritores en Lingua Galega e emprende tamén unha serie de viaxes que o levan a diversas partes de Europa.
Nesta época son frecuentes as homenaxes, os premios e os recoñecementos: Premio Celanova, Casa dos Poetas, Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos, Amigo de Quiroga, Lucense do Ano, Pedrón de Ouro, Irmandade do Libro, Letra E da AELG, Premio Otero Pedrayo, etc. Mais hai dous actos que foron moi especiais para o poeta: a homenaxe nacional que a AS-PG lle tributou no Teatro Rosalía de Castro en 1995 e a entrada como académico numerario na Real Academia Galega en 2003.
En 1998 Manuel María e Saleta trasladan a súa residencia á cidade da Coruña, onde pasa os seus últimos anos e onde manterá unha tertulia no Kirs. Hai que salientar, ademais, a aparición en 2001 da súa Obra Poética Completa, da man da editorial Espiral Maior, e a publicación un ano antes dun libro-homenaxe impulsado pola Asociación Cultural Xermolos.
Manuel María falece o 8 de setembro de 2004 na Coruña.
(Texto extractado da Biografía en Casa-Museo Manuel María)
OBRA
POESÍA | NARRATIVA | TEATRO | ENSAIO
Muiñeiro de brétemas, Colección Benito Soto, Pontevedra, 1950
Morrendo a cada intre, La Voz de la Verdad, Lugo, 1952
Advento, Galicia do Contro Galego de B. Aires, Bos Aires, 1954
Terra Cha, Ediciones Celta, Lugo, 1954
Documentos personaes, Ediciones Celta, Lugo, 1958
Libro de pregos, Ediciones Celta, Lugo, 1962
Mar Maior, Galaxia, Vigo, 1963
Os soños na gaiola, Cartonaxes Anmi, Lugo, 1968, 118 pp.
Proba documental, Edicións Xistral, Monforte, 1968, 44 pp.
Versos para cantar en feiras e romaxes, Edicións Patronato da Cultura Galega, Montevideo, 1969, 54 pp.
Versos para un país de minifundios, Edicións Nós, Bos Aires, 1969, 20 pp.
Cancións do lusco ao fusco, Edicións Xistral, Monforte, 1970, 46 pp.
Remol, Edicións Nós, Bos Aires, 1970, 112 pp.
Odes nun tempo de paz e de ledicia, Razao actual, Porto (Portugal), 1972, 63 pp.
Aldraxe contra a xistra, Roi Xordo, Xenebra, 1973, 48 pp.
Informe para axudar a alcender unha cerilla, Edicións Patronato da Cultura Galega, Montevideo, 1973, 36 pp.
Laio e clamor pola Bretaña, Editorial Poesía & Ficção, Lisboa, 1973, 32 pp.
Cantos rodados para alleados e colonizados, Edicións Xistral, Pontevedra, 1976, 46 pp.
Poemas ao Outono, A. C. Lóstrego e Edicións Xistral, Madrid, 1977, 26 pp.
Poemas para construír unha patria, Frente Cultural da AN-PG, Galiza, 1977, 62 pp.
O libro das baladas, Follas Novas, Santiago, 1978, 52 pp.
As rúas do vento ceibe, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, A Coruña, 1979, 88 pp.
Catavendo de neutrós domesticados, Alvarellos, Lugo, 1979, 72 pp.
Poemas da labarada estremecida, Edicións Xistral, Vigo, 1981, 68 pp.
Escolma de poetas de Outeiro de Rei, Edicións Xerais, Vigo, 1982, 80 pp.
Versos do lume e do vagalume, Galiza Editora, Ourense, 1982, 66 pp.
A luz resucitada, AGAL, A Coruña, 1984, 144 pp.
Cantigueiro de Orcellón, Edicións Avantar, O Carballiño, 1984, 94 pp.
O camiño é unha nostalxia, Arracada, A Coruña, 1985, 96 pp.
Oráculos para cavaliños do demo, Caixa Ourense, Ourense, 1986, 94 pp.
Ritual para unha tribo capital de concello, Follas Secas, Ourense, 1986, 126 pp.
As lúcidas lúas do outono, Vía Láctea, A Coruña, 1988, 112 pp.
Sonetos ao Val de Quiroga, Concello de Quiroga, Quiroga, 1988, 72 pp.
Cancioneiro de Monforte de Lemos, Concello de Monforte, Monforte, 1990, 80 pp.
Compendio de orballos e incertezas, El Correo Gallego, Santiago de Compostela, 1991, 28 pp.
Panxoliñas, A.C. Xermolos, Guitiriz, 1992, 58 pp.
A primavera de Venus, Espiral Maior, A Coruña, 1993, 56 pp.
Poemas a Compostela, El Correo Gallego, Santiago, 1993, 117 pp.
Cantigas e cantos de Pantón, Concello de Pantón, A Coruña, 1994, 56 pp.
Poemas para dicirlle a dúas lagoas, Espiral Maior, A Coruña, 1994, 48 pp.
O Miño canle de luz e néboa, Espiral Maior, A Coruña, 1996, 72 pp.
Sonetos á Casa de Hortas, Espiral Maior, A Coruña, 1997. 64 pp.
Brétemas do muiñeiro, Col. Hipocampo amigo, Pontevedra, 2000, 56 pp.
Os carreiros do soño, Sarga de Lemos S.L., Monforte, 2000, 26 pp.
Obra poética completa I (1950-1979), Espiral Maior, A Coruña, 2001, 731 pp.
Obra poética completa II (1981-2000), Espiral Maior, A Coruña, 2001, 709 pp.
Cancioneiriño de Valdeorras, A. C. Lumieira, Carballo, 2003, 47 pp.
Elexías á miña vida pequeniña, Instituto de Estudios Chairegos, Vilalba, 2004, 92 pp.
Cecais hai unha luz, Fundación Manuel María, A Coruña, 2010, 55 pp.
Os lonxes do solpor, Fundación Manuel María de Estudos Galegos, A Coruña, 2012, 51 pp.