Inicio

As Cartas do Porriño

O epistolario de Antonio I. Paz Valverde con Manuel María e outros poetas

A utilización de poemas para o labor musical de Antonio i. Paz Valverde produciu unha interesante relación epistolar entre o compositor porriñés e diversos poetas que tiña como obxectivo inicial rexistrar as obras creadas. As cartas parecen responder a dous momentos creativos, o primeiro arredor de 1969 é consecuencia da edición dos tres discos de Canzón Galega e o segundo sitúase en 1994 cun novo grupo de creacións poético musicais. A partir dese trámite –case burocrático- naceu nalgúns casos unha amizade artística que á vista da documentación que coñecemos acadou a maior intensidade co poeta Manuel María.

O escritor, Xosé María Álvarez Blázquez, xa daquela numerario da Real Academia Galega, escribía en 1969: “¡Magníficas sus composiciones, que tanto avaloran mis pobres versos! Enhorabuena”[1]. E xa no mes de nadal preguntaba “¿Qué sucede con los discos? Algunos amigos han querido comprarlos, y al parecer no están a la venta en Vigo”[2]. Nunha carta de setembro 1994, a familia doutro poeta xa falecido, Emilio Álvarez Blázquez, manifestaba que antes doutra cousa “deseo agradecerle en nombre de mi madre y hermana y en el mio propio su interés por la creación poética de nuestro bien querido padre. Estamos seguros que él también estaría interesado en ver enriquecida su obra con otras aportaciones artísticas como lo es la musical”[3]. Por ese motivo, o seu fillo comunicaba que non existía inconvinte algún “en que se sirva del poema “Carro” para crear su composición para canto y piano”.  Uns días despois, Francisco Pinzón Jiménez, en representación dos herdeiros do poeta Juan Ramón Jiménez respostaba –tamén positivamente[4]– á solicitude de autorización para rexistrar a composición musical de Antonio Paz “Adolescencia” sobre texto de igual título do poeta andaluz.

 

Sen dúbida, deberon existir moitas máis comunicacións entre o compositor e a extensa lista de poetas (ou os seus herdeiros) cos que traballou aínda que só citemos estas cartas que foron conservadas. E, por suposto, debemos indicar que houbo outro tipo de correspondencia relacionada coas obras e coa coral como a establecida polo “misionero de emigrantes”, Juan María González, que dende Bielefeld dicía: “Un buen amigo de Porriño, trabajador aquí en Alemania, me obsequió a su vuelta de vacaciones de Navidad uno de los discos de la formidable Coral Polifónica del Círculo Recreativo de Porriño. Me alegró mucho con ello, sobre todo cuando he podido saborear la exquisita interpretación de las canciones tan logradas de D. Antonio  Paz  Valverde”[5].  Outro  exemplo  é  a  breve  misiva  que  o  empresario  José Fernández López enviaba en maio de 1972: “Yo tengo mucha deuda con el pueblo de Porriño y me agrada cumplirla a través de una entidad que tanta labor cultural está hacien- do como es el Círculo Recreativo en la que tiene Ud. un papel tan destacado”[6].

 

Como adiantamos, a relación con Manuel María deixou máis vestixios que os anteriores e comeza, tamén en 1969, co envío por parte de Antonio Paz dunha partitura co poema do poeta chairego:

 

“Meu querido amigo: Recibín a fotocopia da miña canción, quero decir, da canción con letra miña, “O asubío” e foi unha grata sorpresa. Moitas gracias. É unha pena que eu non sepa música para poder coñecer a canción. Pero algún día a escoitarei.

Dende logo que pode facer o que queira coa letra: cantala en público, grabala, etc. Ten tódalas miñas autorizacións precisas. Por correo certificado remésolle un exemprar do meu libro TERRA CHA.

Celebro moito ter estas relaciós con vostede. Si  valgo para algo xa sabe onde me teñen. Téñame por amigo certo. Unha cordial aperta, Manuel María”[1].

 

O agradecemento será unha constante nestes breves textos do poeta. Agradecemento ao compositor que sempre extenderá ás interpretacións realizadas por cantores e cantoras e, ao mesmo tempo, un ofrecemento humilde (“se valgo para algo…”) para colaborar na tarefa artística. Sempre remata cunha personalizada valoración da amizade como resposta aos envíos de comunicación de Antonio Paz respecto ás obras conxuntas que foron O asubío, O cuco, Os números e Verbas á miña nai. Esmorecendo o 1969 o poeta reflexiona ademais sobre o fenómeno musical Voces Ceibes:

 

“Meu distinguido e querido amigo: Moitas gracias polos tres discos que recibín esta mañá i escoitei varias veces, grabados recentemente por esa Polifónica que vostede dirixe con tan bó senso i acerto. E moitas gracias tamén pola música e pola grabación do meu poema O ASUBÍO que quedou moi ben. Rogolle transmita a miña gratitude á solista María Rita Iglesias que tan ben canta os meus ver- sos. E tamén moitisimas gracias a vostede pola música e por inxerir os meus versos no disco. De tódalas canciós que grabaron coido está moi ben a de Cunqueiro.

Agora que se está intentando unha nova canción moderna en galego, coido que é moi interesante –fundamental- unha renovación da nosa música polifónica, que se estaba quedando con letras de poetas do século pasado e con poemas populares. O intento feito por vostede de utilizar versos de poetas autuales é un indudabel e importante acerto. Penso que a súa laboura pode ser renovadora, fecunda e importante prá nosa cultura. Compre, pois, non desmaiar no camiño emprendido. […]

Tomo a libertade de lle mandar ese vello caderno de cantigas que escribín hai anos. Coido que moitas delas son musicables. Vostede ten a palabra.

Moitas gracias por todo. Xa sabe onde me ten a súa disposición, vostede i esa Coral, si en algo son de utilizade. Un cordial e garimoso saúdo do seu bó i agradecido amigo, Manuel María”[2].

 

Nesa mesma época o director porriñés encargoulle un texto que non chegou a atopar inspiración: “Intentei escribir a “habanera” que me pide, pero non me saliu nada nin siquer medianamente pasabel. […] A ver  si  noutra  ocasión temos  mais  sorte”[3].  Uns  anos  despois,  en 1994,  contesta  de  novo:  “Querido  amigo: Moitas gracias por musicarme eses poemas. O “Números” non o localizo”[4]. E solicita copia das partituras antes de rematar. “Unha aperta do vello e agradecido amigo Manuel María”. No ano 2002 Antonio dá conta doutro texto poético –Verbas a miña nai– interpretado no concerto de Teresa Novoa e Alejo Amoedo en xuño de 1998 entre as “9 canciones de A. Paz Valverde”. Realmente enviaba unha gravación en video do concerto. “Mis  mejores deseos para usted y los suyos y, aunque tarde, mi felicitación sincera por su nombramiento como miembro de la Real Academia Gallega”[5]. A resposta de Manuel María é unha felicitación de Nadal cunha alusión ao fuel do Prestige (“fuelar”) que naqueles meses ennegrecía Galicia enteira:

“Amigo Paz Valverde: Moi agradecido e ledo co video que me enviache e tamén pola fermosa música que lle puxeche ó meu poema polo que teño un especial cariño. Tamén me gustou moito -e agradezo fondamente- a interpretación.

Xa vou entradiño en anos e na Academia case nada podo facer. Cumpría levaran xente mais nova e preparada que a dinamizaran. Estimo moito e agradezo a tua felicitación.

Apertas sen “fuelar”. Manuel María”[6].